fbpx
Casa Cornide, residencia da familia Franco na Coruña / foto panoramio.com

Un estudo demostra a excepcionalidade da Casa Cornide e as súas posibilidades como BIC

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello da Coruña solicitará á Xunta a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), a máxima protección do patrimonio cultural galego, para a coruñesa Casa Cornide. Faino despois de que un informe técnico dirixido polo catedrático de Historia da Arte Alfredo Vigo Trasancos e que se estivo a desenvolver ó longo dos últimos once meses, “confirmara a singularidade” do edificio e a “excepcionalidade” dos seus valores.

A vivenda, construída entre 1750 e 1760 é un pazo urbano de estilo entre barroco e rococó construído polo pai do xeógrafo, historiador e político ilustrado José Cornide. Á súa morte foi doado pola familia ó Concello da Coruña para funcionar como escola. Porén, durante a ditadura a administración local sacouna a poxa gañada e pasou a mans de Carmen Polo. Dende aquela o excepcional edificio é propiedade da familia do ditador.

Interior da Casa Cornide segundo a inmobiliaria Philippot&Lloyd / foto Fotocasa

No estudo participaron profesionais de historia da arte, arquitectura, historia, topografía e conservación de bens culturais, desenvolvendo mesmo un levantamento fotogramétrico da propiedade. “As claves están na adustez militar do seu aspecto forte, que vén en parte por eses trazos barrocos, pero sobre todo, ten que ver coas características cosmopolitas que están vinculadas á arquitectura da primeira Ilustración“, como se indica no estudo.

Agora, a alcaldesa Inés Rey convocará ós integrantes do Consello da Memoria Democrática e con este informe, rexistrará a solicitude de Declaración BIC na Xunta  para que a Casa Cornide teña “a protección que merece”. “Isto confirma que os Franco se fixeron cun edificio dun valor patrimonial e histórico incalculable para a cidade, un inmoble que se expoliou tras unha poxa arranxada, e que ten que volver ser parte do patrimonio público da Coruña e dos coruñeses”.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...