Así deberá ser a devolución do Pazo de Meirás o vindeiro xoves
Este 10 de decembro ás 11 horas será a data na que os Franco devolverán o Pazo de Meirás. Farano obrigados por unha sentencia xudicial ditada polo xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, con procedemento instruído pola xuíza Marta Canales. A sentenza aínda está pendente da apelación da familia Franco, pero executarase ata ser resolta.
Na sentenza queda designado o Estado como depositario do inmoble e de todos os bens mobles e elementos accesorios que compoñen o complexo do pazo de Meirás, excepto “obxectos de uso persoal estrito”. Será Patrimonio Nacional o depositario do monumento, xa que a xustiza deu a razón á denuncia da Avogacía do Estado e do Concello de Sada no tocante a que o Pazo foi un regalo á Xefatura do Estado e non á familia Franco.
Que debe quedar no pazo
O vindeiro día 10 os Franco deberán devolver as chaves. Farano tanto do inmoble xardíns e propiedades anexas, así como de “todos os bens mobles e elementos accesorios que hoxe compoñen o pazo de Meirás como unidade“. E é que a familia só poderán levar “obxectos de uso persoal estrito ou que, polas súas características, non contribúan á importancia do pazo como Ben de Interese Cultural”.
Trataríase de algúns obxectos “cuxa eliminación non compromete os posibles usos finais que se decidan para o pazo”. En Meirás deberán quedarse todos os obxectos da súa primeira propietaria, Emilia Pardo Bazán, como a súa excepcional biblioteca, así como todos aqueles obxectos e agasallos que formaron parte da residencia de verán do xefe de Estado.
Estes bens, dos que o xornal La Razón afirmaba que serían retirados en entre 30 e 50 camións, forman parte do pazo e están a ser de feito inventariados. Entre eles hai antigüidades como ánforas romanas, esculturas e tallas relixiosas como as do Mestre Mateo, a pía de Moraime, elementos arquitectónicos e escudos traídos de outros pazos, retablos, tapices, porcelana, reloxos, lámpadas ou pinturas.
Os gardas deberán marchar o 15 de xaneiro
Os “gardas do pazo” tamén deberán abandonar o monumento. Trátase dun matrimonio contratado polos Franco que, dende fai xa décadas, teñen a cargo o mantemento do pazo. Os “gardas”, que habitan unha das casas dentro complexo deberán abandonar igualmente o pazo o 15 de xaneiro.
Segundo a xuíza “cesarán no exercicio de calquera servizo laboral ou profesional que estivesen realizando para os acusados en relación coa mencionada propiedade” e “non poderán prestar ningún tipo de servizo no pazo a favor da Administración xeral do Estado”. O matrimonio estaba contratado por Jaime Martinez-Bordiú.
Visita da vicepresidenta Carmen Calvo
Un dos feitos que máis salientables deste proceso de devolución é a implicación de todas as diferentes administracións, como a Xunta de Galicia, unha das últimas en sumarse e que agora pide a cesión da súa xestión por parte do Estado. No caso tamén estiveron personados a Deputación da Coruña, o Concello de Sada e a Avogacía do Estado.
Prevese que representantes de todas estas institucións estean presentes tras a entrega. De feito dende o goberno central a vicepresidenta Carmen Calvo anunciou que viaxará á Coruña o vindeiro día 9, véspera da devolución, para reunirse coas autoridades da Xunta e do Concello de Sada. Na reunión discutiranse novos usos para o pazo, unha vez que se execute a sentenza que lle devolve ó pobo o monumento que pasou ó ditador nos anos máis duros do Franquismo.