fbpx
Un tren / Clker-Free-Vector-ImagesCC0

A descoñecida historia do tren que unía Ribadeo coas montañas de Lugo

Tempo de lectura: 3 min.

Nun morno día de agosto do ano 1905 un grupo de viaxeiros subía por primeira vez a un tren de viaxeiros que os levaría dende A Pontenova ata Ribadeo. O suceso causou moito rebumbio na localidade pois era a primeira vez que un ferrocarril chegaba ata estas terras do interior para levar pasaxeiros á costa.

Mais para levar mercadorías esta mesma liña xa circulara algo máis de dous anos antes, en abril de 1903. Era o tren de carga que unía os fornos da Pontenova co porto de Ribadeo, un dos grandes enxeños industriais da Galicia do momento. Era un ferrocarril de vía estreita que percorría un total de 34 quilómetros, a través de 13 túneles de máis de 1.500 metros, catro pontes metálicas e dúas de pedra. No porto de Ribadeo contaba cun singular cargadeiro metálico.

A era do ferro

Construíuse a partir de 1902 para transportar o mineral que se extraía nas minas de Vilaoudriz na Pontenova e embarcalo cara Bilbao. Nas minas extraíase ferro fosfórico un material moi cotizado en Europa e que unha familia de empresarios vascos se atreveu a explotar. E é que no ano 1879 descubrírase o proceso de desfosforización do ferro que permitía illar este elemento, dando unha maior pureza o material e separándoo do fósforo empregado para outros fins como fertilizantes.

Fornos da Pontenova / foto Agremón CCBy Wikimedia

Estas minas foron un verdadeiro catalizador industrial da comarca. Para o seu funcionamento construíronse instalacións industriais como os famosos fornos da Pontenova. Tamén había silos para o depósito de materias, lavadoiros, compresores, unha central eléctrica e un tranvía aéreo ou transporte a través de vagonetas en suspensión, alén do ferrocarril e as instalacións no porto de Ribadeo.

Un gran enxeño industrial

Mais hoxe a icona desta industria son os seus cinco grandes fornos. Estes estaban feitas para desenvolver un proceso de calcinación do mineral quentándoo e poñéndoo despois en contacto co aire, facendo pasar o óxido ferroso a férrico. Para isto se construíron cinco grandes fornos de máis de 4 metros de diámetro e preto de 12 metros de altura. Estes fornos de forma troncocónica ou conos truncados, son un dos grandes símbolos patrimoniais da comarca.

Mais parte do enxeño da mina era o tren. Contaba con cinco locomotoras, algunhas de ata 30 tm de carga e tiña 60 vagóns para transportar o mineral. Había dous máis destinados ós viaxeiros, nos que se distribuían pasaxes de primeira, segunda e terceira clase. Tamén tiña un vagón correo, dous vagóns para gando e dous de plataforma para outro tipo de transporte como elementos industriais. Para este ferrocarril construíronse catro estacións entre as propias minas e Ribadeo.

O ocaso da liña

O tren seguiu en funcionamento ata a década de 1964, porén sufrindo as consecuencias que para a explotación tiveron dúas guerras mundiais a Guerra Civil e a autarquía franquista. Con todo, e baixo o amparo de diversas empresas, a explotación seguiría funcionando ata a década de 1950, cando deixou de ser finalmente rendible aínda que aguantara en funcionamento preto dunha década máis.

Camiño de ferro de vía estreita / foto 6554CC0

Tras o seu feche moitos elementos foron derribados e vendidos como chatarra, como os cargadeiros do porto de Ribadeo, algunha das pontes ou as propias vías. Tamén desapareceron o propio tren e as estacións salvo, a de Vilaoudriz. É moi pouco o que se conserva por isto do ferrocarril. Mais mantense o seu trazado. Hoxe está rehabilitado e forma parte da rede Vías Verdes e se emprega como roteiro de senderismo.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...