fbpx
Detalle da portada do libro / foto Real Academia Galega

Queres coñecer de onde ven o nome das nosas rúas, a súa evolución e a súa relación co poder?

Tempo de lectura: 2 min.

Unha carga simbólica importante e unha parte esencial da nosa paisaxe lingüística. Tamén un elemento de orientación e de organización dos territorios urbanos que nos acompañan acotío. Esta é a premisa dende a que se desenvolveu un estudo sobre os nomes das rúas galegas que a Real Academia Galega acaba de publicar nun novo e extenso libro.

Trátase dun volume asociado ás IV Xornada de Onomástica, celebrada no Museo de Pontevedra o pasado mes de outubro. Nel trece especialistas procedentes do campo da filoloxía e un historiador abordaron o estudo da procedencia e evolución ó longo da nosa historia dos nomes das rúas de varias cidades galegas.

Portada do libro / foto Real Academia Galega

O libro, ó coidado das académicas correspondentes Ana Isabel Boullón Agrelo e Luz Méndez, recompila achegas de diferentes investigadores e recolle o significado e evolución dos nomes de rúas galegas dende a Idade Media ata a actualidade. Trátase das cidades da Coruña, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela, así como as vilas de Lalín, Ribadeo, Gondomar, Baiona ou Valga.

Nomes tradicionais e cambios ó redor do poder

Entre as achegas atopar estudos dende a propia evolución ata a apropiación do espazo público por parte do poder a través dos seus nomes. Entre os exemplos o historiador Antonio Míguez Macho explica como o réxime franquista empregou a renominación dos espazos públicos como un instrumento máis da construción da súa “nova España”.

Mais recóllense moitos máis aspectos. Gonzalo Hermo detense nalgúns nomes medievais de rúas de Santiago de Compostela. Gonzalo Navaza profunda na hodonimia de Baiona a través da documentación histórica. Conchi Cochón e Marta Souto mostran nos seus artigos os procedementos municipais de Pontevedra e Vigo, para o establecemento dos novos nomes e Iván Méndez e Marta Negro estudan, respectivamente, os exemplos da Coruña e Lalín.

 

 

Pode que che interese...