fbpx
Cabeza de Sabardes recreación virtual, colectivo a Rula

Ditame dos expertos á cabeza de Sabardes: procede, con toda probabilidade, dun castro

Tempo de lectura: 3 min.

O misterio da cabeza de Sabardes, atopada en Outes o pasado verán, parece estar provisionalmente resolto. Pois os expertos José Suárez Otero e Manuel Lestón Gómez acaban de publicar o informe valorativo da peza, que tal e como moitos sospeitaban, todo apunta a que sexa de orixe castrexa. Trátase así dun excepcional achado con amplas connotacións dentro do mundo da escultura galaica.

O informe publicado na academia.edu e entregado igualmente ás autoridades, consta de 22 páxinas nas que se fai un estudo profundo da peza, dende o problema da súa contextualización espacial e tamén tipolóxica e cultural. No estudo faise unha contextualización pormenorizada sobre a tipoloxía dos bustos, os cipos figurados, as cabezas de vulto redondo e en relevo no mundo dos castros, acabando por concluír, que a falta dun contexto espacial claro do achado, a de Sabardes podería ter esta procedencia.

Cabeza de Sabardes recreación virtual, colectivo a Rula

Criterios formais e estilísticos para poder identificala

“Aínda que é que de maneira moi preliminar, coidamos que o busto de Sabardes, ou mellor, que está en Sabardes, presenta trazas que o poñen en relación coa estatuaria que xurde no ámbito de fins da cultura castrexa”, afírmase nas conclusións do informe. “Ó non ter unha procedencia coñecida e polo tanto perder completamente a súa contextualización arqueolóxica, eses criterios exclusivamente formais e estilísticos non poden garantir de maneira definitiva esa identificación”, lembran.

Mais estes criterios formais e estilísticos semellan confirmar o achado. “Ó basearse en trazos moi específicos, caso do traballo das orellas, da execución de ollos e nariz, e moi especialmente o destaque de boca e o queixo, cun sentido case que xestual, dálle, en fin, un carácter de alta probabilidade a esa proposta”, afirman.

 

Unha peza que podería mudar o xeito de entender a escultura galaica

“De ser acertada esa identificación da peza como unha expresión da escultura en Galicia no tránsito entre o mundo galaico o galaico-romano, o busto de Sabardes adquire unha gran importancia” relátase no texto. Este achado podería mudar o xeito de entender a escultura dos castros, cando menos na parte norte de Galicia.

Trátase dun achado especialmente excepcional, “non só polo feito en si da súa antigüidade, senón por a súa condición de “busto” sitúano nun grupo de pezas aínda moi escaso dentro da estatuaria castrexa, pero que, sen embargo, pola súas dimensións tanto ideolóxicas coma artísticas podería ter xogado un importante papel no conxunto desas manifestacións escultóricas”.

Mais a importancia podería ser aínda maior, se o seu achado puidera identificarse na propia zona de Outes. “Se a súa procedencia se confirmase na contorna, mesmo nun senso amplo, do lugar onde se conserva, estaríamos diante dunhas das poucas esculturas castrexas no noroeste de Galicia, que agás a posibilidade de incluír os tamén bustos de Logrosa, aparece a estas alturas como unha xeografía totalmente baleira destas expresións artísticas”.

Cabeza de Sabardes foto Colectivo A Rula

E se non fose dun castro?

Porén o ditame destes dous expertos non pode considerarse ó cen por cen seguro, ó perder a súa contextualización dentro dun xacemento. “Os criterios exclusivamente formais e estilísticos non poden garantir de maneira definitiva esa identificación”, afirman.

“Fronte das posibles dúbidas, sempre lexítimas, de que a identificación que propoñemos sexa acertada, e que puidera tratarse simplemente dunha expresión moito máis tardía e inserible no concepto da arte popular, imponse a necesidade de rescatar e conservar unha peza que en calquera caso no deixa de ser unha obra de arte galega” afirman os expertos.

“Pero, sobre todo, pola posibilidade, por dubidosa que sexa, de que puidera ter un papel relevante na orixe e evolución desa arte, sería, en definitiva, importante que esa peza pasase a unha institución pública”, zanxan no escrito. “Débese garantir a súa conservación, e si a futura investigación así o determina, a súa exposición e ó seu coñecemento público”. Así, “como corolario de todo o antes exposto, consideramos necesario garantir a salvagarde desta peza do noso patrimonio arqueolóxico”.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...