10 imaxes que demostran o “canibalismo” ó noso patrimonio
Son casos illados ou é un reflexo do estado no que se atopa o noso patrimonio? É certo que en Galicia temos un enorme, disperso e extenso patrimonio, unha gran pegada de todas as épocas en cada recuncho do territorio. Se ben unha boa parte deste patrimonio mantense nun bo estado de conservación, coidado, restaurado e ata musealizado, en moitos outros casos atópase baixo un importante maltrato.
Co obxectivo de interrogarnos sobre este tema fixámonos na páxina Canibalismo Urbanístico e Maltrato á Paisaxe, con presencia en varias redes sociais, onde levan tempo recollendo e denunciando exemplos de maltrato ó urbanismo e ó patrimonio cultural galego. De entre o canibalismo urbanístico, ou falta de ordenación urbana e territorial, o patrimonio ocupa un bo oco. Exemplos que non nos gustaría ter que amosar no noso medio.
o1. Hórreo en Cambados
Os hórreos polo seu propio carácter e pola súa dispersión son un dos elementos máis maltratados do patrimonio galego. Tal e como recollemos en moitas ocasións no noso xornal podemos ver hórreos á venda, hórreos desaparecidos, queimados polos lumes… Porén todos os hórreos con máis de cen anos ou con especial significación son de xeito xenérico Ben de Interese Cultural segundo a nosa Lei 5/2016, do 4 de maio. Probablemente tamén este de Cambados.

Hórreo en Cambados / foto Canibalismo urbanístico e maltrato á paisa
o2. Cruceiro en Agolada
Tamén son Ben de Interese Cultural os nosos cruceiros sempre que teñan eses cen anos, estean localizados na vía pública ou en propiedades privadas. Os cruceiros deben manterse en bo estado e cun área de protección de 20 metros, segundo a lei. Isto é así a pesares de todas as novas que temos que dar sobre eles ou do que podemos ver neste exemplo de Agolada.

Cruceiro en Agolada / foto Canibalismo urbanístico e maltrato á paisaxe
o3. Cruceiro en Outes
Esta protección implicaría, tamén e obviamente, o feito de non poñer en serio perigo o ben. Isto ocorre en máis dunha ocasión cando o patrimonio quea exposto ó tráfico. O caso dos cruceiros é especialmente sensible pola súa vinculación cos camiños, que co tempo acaban convertidos en estradas. Como xa contamos no noso medio en máis de unha ocasión quedan en perigo fronte a máis que probables saídas de vía.

Cruceiro en Outes / foto Canibalismo urbanístico e maltrato á paisaxe
o4. Fonte en Rois
As fontes, polo contrario, a pesar da súa importancia dentro da nosa cultura tradicional e, nalgúns casos, da súa feitura ou antigüidade, non contan co grao de protección de cruceiros e hórreos. As fontes, que foron elementos imprescindibles dentro da vida urbana e labrega, só contan con protección naqueles casos nos que a Dirección Xeral de Patrimonio así o dite ou cando a protección apareza recollida no Plan Xeral Municipal. Polo seu aspecto semella que non é o caso de esta de Rois.

Fonte en Rois / foto Eladio Cortizo para Canibalismo urbanístico e maltrato á paisaxe
o5. Capela en Vilanova de Arousa
Polo xeral as capelas soen estar recollidas como Ben Catalogado ou aparecer no PXOM de cada concello. Normalmente a protección confírelle tamén un entorno no que as edificacións deben manter integración ambiental. Mais non en todos os casos se chega a bo porto, como neste caso de Vilanova.

Capela en Vilanova de Arousa / foto Canibalismo urbanístico e maltrato á paisaxe
o6. Antigo mosteiro de Santo Estevo de Atán
A historia converteu moitos mosteiros en igrexas e moitos dos seus adros en camposantos. A tradición de levantar o cemiterio ó seu cartón mantívose ata practicamente a actualidade. As obras neste cemiterio de Santo Estevo de Atán debería estar desenvolvidas cunha autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e, segundo a lexislación, ter mantido a integración ambiental.

Santo Estevo de Atán / foto Canibalismo urbanístico e maltrato á paisaxe
o7. Casa de Carvalho Calero
Non todos os centros históricos están protexidos. Cando o están o elevado custo de manter unha edificación e mesmo de rehabilitala fai que, en moitos casos, ben sexa por falta de medios ben por desidia, moitos edificios dos nosos centros históricos se veñan abaixo. Este é o caso da casa do filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero, ó que se dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Este é o seu estado.

Casa de Carvalho Calero / foto Canibalismo urbanístico e maltrato á paisaxe
o8. Galpón en Rois
O patrimonio etnográfico, dada a súa extensión, distribución e, ademais, pola falta de especificidade sobre el na nosa lei, é un dos patrimonios máis maltratados. Se ben é certo que non se pode conservar todo, e que, en moitos casos, a valorización que se lle dá pode chegar a ser boa, o certo é que na gran maioría a necesidade de seguir empregando elementos como este, xunto coas novas técnicas construtivas, dan resultados como este.

Galpón en Rois / foto Canibalismo urbanístico e maltrato á paisaxe
o9. Unha rúa de Vilagarcía
Vilagarcía, unha das vilas de maior desenrolo durante o século XIX e cun patrimonio urbano excepcional naquel momento. Mais non é Ben de Interese Cultural. As diferentes corporacións traballaron como puideron co seu patrimonio, mais non se evitou que lugares como este mudaran ó longo da historia dun xeito radical. Este cambio tan profundo é unha constante en todas aquelas vilas e cidades onde o seu centro histórico non foi declarado BIC.

Unha rúa de vilagarcía / foto A Vilagarcía Antiga, cediada por Eladio Cortizo para Canibalismo urbanístico e maltrato á paisaxe
1o. Cruceiro en Melón
Este pequeno cruceiro atópase en serio perigo. Polo menos se atendemos á función do da varanda ou “quitamedos” que ten detrás. É posible que no lugar no que se atopa o perigo non sexa alto, mais o significado do seu veciño metálico lévanos a pensar que si.
Este pequeno exemplo, así como os anteriores, poderíanos servir para interiorizar a importancia do noso patrimonio, mais tamén os pequenos xestos de sensibilidade para protexelo alén das leis. Cada unha destas pezas é un pequeno vestixio presente da historia de Galicia ou do propio lugar. As nosas xeracións vindeiras deberían ter a mesma oportunidade de gozalo que temos aínda nós.

Cruceiro en Melón / foto Eladio Cortizo para Canibalismo urbanístico e maltrato á paisaxe