fbpx
Román Rodríguez na presentación da candidatura no Museo do Prado / foto Consellería de Cultura

A Xunta presenta no Museo do Prado a candidatura rexeitada da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

Tempo de lectura: 2 min.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou onte no Museo do Prado de Madrid a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial ante os embaixadores do Comité da UNESCO, do que forman parte 21 países. O obxectivo, presentar no futuro a candidatura, hoxe retirada, e da que da que ICOMOS informou negativamente nun informe demoledor.

Segundo o conselleiro trátase do primeiro paso na nova etapa da candidatura, tras a decisión de facer un aprazamento estratéxico atendendo ás avaliacións e informes do ICOMOS. Para el trátase de dar o último paso “con toda a forza e conseguir o si definitivo”, pois “a Ribeira Sacra é un espazo único, cun gran valor incapaz de decepcionar a quen o visita”.

Degradación da Ribeira Sacra, con liñas de alta tensión, cortas, lumes e enocros / foto Protocultura CC0

Román Rodríguez apuntou que o obxectivo compartido co Goberno do Estado é intensificar o traballo da candidatura e seguir avanzando para facer da Ribeira Sacra “un territorio máis vivo, mellor coidado e máis recoñecido en todo o mundo”. “A decisión de pospoñer os trámites finais é unha oportunidade para fortalecer o noso traballo”, afirmaba obviando os grandes problemas atopados polo ICOMOS na candidatura.

“Este é un territorio que destaca, precisamente, pola súa capacidade para conservar os seus valores excepcionais e que reflicte a transformación pausada e respectuosa do home sobre a terra”, engadiu. A Ribeira Sacra é unha paisaxe que conxuga “beleza, natureza e patrimonio” que é capaz de ofrecer unha experiencia cultural en si mesma”defendía Román.

Román Rodríguez, xunto co alcalde de Madrid, na presentación da candidatura no Museo do Prado / foto Consellería de Cultura

A defensa da Xunta da súa candidatura

Mais non é o único acto no que Román Rodríguez defendeu o traballo na candidatura. Pois o pasado día 5 de xuño reuníase na vila dos Peares cos alcaldes da zona para defender a posición do executivo galego. “Debemos estar orgullosos do traballo que levamos feito ata o momento”, afirmaba.

Segundo o máximo responsable galego de cultura “avanzamos na boa dirección e nos últimos anos logramos o noso maior propósito que é protexer e impulsar a Ribeira Sacra”. Sostivo que o compromiso da Xunta con este territorio mantense intacto e que o horizonte segue a ser o mesmo: acadar o máximo recoñecemento da Unesco.

Pode que che interese...