fbpx
Paisaxe da Ribeira Sacra / foto javieralamorodriguez CC0

Encoros, eólicos, avellentamento ou o enfoque relixioso. Así rexeita o informe do ICOMOS á Ribeira Sacra

Tempo de lectura: 9 min.

“Con respecto á inscrición, ICOMOS recomenda que a Ribeira Sacra, España, non se inscriba no Patrimonio Mundial”. Con estas duras palabras remata o informe no que ICOMOS, (International Council of Monuments and Sites), un órgano consultivo da UNESCO, que avalía, xunto con outros bens de todo o mundo, a candidatura da Ribeira Sacra.

Tamén as palabras que propiciaron que o pasado xoves a o Goberno de España e a Xunta anunciaran aprazar a candidatura, tras dunha reunión entre o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o embaixador de España na UNESCO, Juan Andrés Perelló. A proposta, adiada a non antes de 2024, debería ser avaliada entre o 16 e do 31 de xullo en China.

Mais o informe déixao claro: “ICOMOS non está convencido”. “Parece haber unha tensión inherente entre preservar a sacralidade do territorio e adaptarse ás necesidades contemporáneas”. “Os encoros e outras intervencións similares non son vistas como un desenvolvemento lóxico dunha paisaxe tradicional. Tampouco se poden ver estas intervencións como complementarias”, afirman dende o organismo.

Ribeira Sacra / foto danirodriguezfotografiaCC0

E é que a explotación hidráulica contemporánea, é dicir, os encoros, xunto con outros factores como as desamortizacións do século XIX, o avellentamento e os cambios na paisaxe, parecen ser os grandes problemas dunha candidatura que a ollos de todos os galegos merecería ser Patrimonio Mundial. Non así do organismo, que ve incoherencias importantes nela.

Unha paisaxe dominada polos encoros

E é que “ICOMOS recoñece que a identidade local e os lazos sociais seguen sendo fortes e que a comunidade, aínda que avellentada, dedícase a continuar as prácticas agrícolas tradicionais nas abruptas ladeiras dos vales dos ríos. Non obstante, este panorama sagrado e produtivo cambiou significativamente nos últimos 200 anos”, afirman dende a institución.

“Por un lado, houbo un desenvolvemento de infraestruturas a gran escala que cambiou o ambiente físico, mentres que por outro, houbo un drástico descenso do monacato como consecuencia das reformas do século XIX”, resumen. “O expediente describe a paisaxe como un continuo, mais é difícil para ICOMOS ver os elementos de infraestrutura a grande escala do período moderno como contribuíntes ou relacionados co Valor Universal Destacado da proposta”.

“ICOMOS agradece a información complementaria detallada proporcionada polo Estado sobre o impacto de numerosos encoros na paisaxe. Non obstante, quedan preguntas fundamentais sobre como estes elementos que modificaron a paisaxe de ribeira contribúen ou están relacionados coa historia do monacato, a sacralidade da paisaxe ou o uso tradicional da terra”, afirman.

Aspecto actual da Ribeira Sacra / foto eladioabanelasCC0

O enfoque relixioso, un enfoque errado?

Mais un dos problemas principais podería atoparse no propio enfoque da candidatura. E é que esta está orientada a presentar dunha paisaxe configurada polo carácter relixioso e a continuidade do compoñente monástico como elemento determinante. Mais para o ICOMOS “non está demostrada esta relación”.

“O expediente de nominación presenta características que abarcan un amplo período temporal e tipolóxico (..), a xustificación está baseada predominantemente no carácter sagrado e na historia da evanxelización do territorio e uso asociado do solo”. “É difícil para ICOMOS entender a continuidade da paisaxe sagrada cando os seus motores clave, as comunidades monásticas, xa non están implicados na configuración desa paisaxe”, afírmase.

Detalle da Ribeira Sacra / foto HdG

“O expediente de nomeamento ofrece información sobre o declive das comunidades monásticas en toda a Ribeira Sacra tras a desamortización das terras dos mosteiros no século XIX. Mais só se conservou unha parte da concentración de mosteiros existentes da Idade Media e só unha pequena comunidade monástica cisterciense segue activa”, dise.

Unha paisaxe singular pero que xa non é relixiosa

“Debido a estas transformacións dos elementos formativos dos vales, é difícil comprender a relación actual dos mosteiros coa paisaxe agrícola que xestionaron unha vez. A despoboación, a modernización e os consecuentes desafíos ó modo de vida tradicional, engaden dificultades para demostrar esta relación”, afírmase no informe.

“En canto á paisaxe (…) ICOMOS observa que é difícil comprender a paisaxe actual tal e como puido ser nese período, xa que se abandonaron as terras agrícolas e os bosques cultivados, hoxe enchidos de maleza. Isto leva a unha situación na que as conexións visuais entre os mosteiros e entre mosteiros e ríos xa non son posibles. ICOMOS considera que este é un importante problema de integridade”, afirman.

Paixase da Ribeira Sacra / turismo.gal

O compoñente monacal, unha constante en Europa

Ademais ICOMOS considera que unha paisaxe monacal non é, nin moito menos, unha excepción en Europa. Pois “os lugares santos e os monumentos relacionados co evanxelismo non son infrecuentes en Europa ou noutras partes do mundo”.

“Pódese considerar que o monacato e o uso asociado da terra configuraron gran parte das paisaxes de Europa. En termos de conxuntos de estruturas monacais, hai un número significativo nesta rexión xeocultural, pero tamén máis alá”. Interrógase tamén se “pode considerarse destacada a súa combinación de características paisaxísticas con eventos particulares da historia occidental do monacato”.

Outros problemas: liñas de alta tensión e eólicos

Mais, se dentro das conclusións o ICOMOS deixa claras as súas dúbidas respecto do enfoque da candidatura e da relación con infraestruturas contemporáneas como os encoros, no corpus da avaliación, dentro dos “factores que afectan á candidatura”, atópanse outros elementos que para o organismo son difíciles de encaixar.

“As presións de desenvolvemento que teñen o maior impacto son as infraestrutura de produción de enerxía a gran escala, como presas, encoros e liñas de transmisión”. Na candidatura afirmábase que estas infraestruturas “non teñen un impacto significativamente negativo” e que “son partes valiosas da paisaxe cultural continua”. Mais, como vimos, a institución non o entende así.

Degradación da Ribeira Sacra, con liñas de alta tensión, cortas, lumes e encoros / foto Protocultura CC0

Ademais delas “ICOMOS observa con certa preocupación o impacto visual das turbinas eólicas no Valor Universal Excepcional proposto da candidatura nomeada. Un gran parque eólico está situado na zona de amortecemento entre os compoñentes da rexión nomeada, e outros tres, aínda que máis distantes, tamén son visibles”.

Canteiras, especies invasoras, lumes e forestación

Dentro destes aspectos destácanse outros problemas que afectan á candidatura. “Outros factores (…) son as canteiras abertas”. “O ICOMOS e a UICN consideran que non deben permitir a extracción activa de canteiras dentro dos límites de la candidatura, nin deben permitir os impactos indirectos da extracción o minería”.

Detalle da Ribeira Sacra no verán de 2017 / foto HdG

“Entre as presións ambientais, destacan as especies invasoras e os cambios nos ecosistemas locais. Ademais, ICOMOS e UICN sinalan o impacto negativo dos incendios forestais, os que observan relacionados co abandono de bosques e fragas”. “ICOMOS tamén observa a obstrución dos vínculos visuais entre os mosteiros e outras lugares sacros e os ríos como resultado da forestación”, afírmase neste apartado.

Avellentamento e un turismo non sostible

“Un dos principais factores que inciden na candidatura nomeada é a tendencia demográfica cara a unha poboación maior, que se relaciona coas duras condicións laborais e a precaria infraestrutura agraria histórica”, afirman. “Esta tendencia ameaza a produción agrícola tradicional liderada pola comunidade en micro-propiedades”, que si son clave na candidatura segundo a institución.

Afírmase respecto á demografía que “a despoboación e o avellentamento tamén afectan ó carácter da paisaxe. Moitos edificios relixiosos perderon o seu uso histórico ou se adaptaron a novas funcións non relixiosas”.

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil / ribeirasacra.com

Así, o organismo afirma que “destaca o importante papel previsto para o turismo na revitalización da economía de Ribeira Sacra. Presentáronse varios plans estratéxicos (…) para garantir un turismo sostible e socialmente sensible. Porén, tendo en conta o rápido crecemento demostrado do sector turístico na última década, o turismo podería potencialmente ameazar a sostibilidade da economía agraria tradicional local, superando o papel conformativo desta última no carácter do territorio”, avisan dende a institución.

Cantís na Ribeira Sacra / foto Lopez_Grande CC0


Para saber máis: Neste link pode consultarse completo o informe do ICOMOS. A avaliación da Ribeira Sacra aparece a partir da páxina 544, Incluímos o texto completo das “Conclusións” máis abaixo.



Conclusións do Informe do ICOMOS:

  1. Conclusión

Ribeira Sacra está nomeada como testemuño dunha paisaxe cultural sacra continua e dun modo de vida tradicional. O expediente de nomeamento presenta información sobre un gran número de mosteiros, igrexas e outras características relixiosas e sagradas, e sobre as divisións específicas da terra que evolucionaron a partir deses mosteiros. ICOMOS recoñece que a identidade local e os lazos sociais seguen sendo fortes e que a comunidade, aínda que avellentada, dedícase a continuar as prácticas agrícolas tradicionais nas abruptas ladeiras dos vales dos ríos.

Non obstante, este panorama sagrado e produtivo cambiou significativamente nos últimos 200 anos. Por un lado, houbo un desenvolvemento de infraestruturas a gran escala que cambiou o ambiente físico, mentres que por outro, houbo un drástico descenso do monacato como consecuencia das reformas do século XIX.

O expediente de nominación presenta características que abarcan un amplo período temporal e tipolóxico, todas elas consideradas polo Estado contribuíntes ao valor universal destacado proposto, aínda que a xustificación está baseada predominantemente no carácter sagrado e na historia da evanxelización do territorio e uso asociado do solo. Aínda que o expediente de nomeamento describe a paisaxe como continuo, é difícil para ICOMOS ver os elementos de infraestrutura a grande escala do período moderno como contribuíntes ou relacionados co Valor Universal Destacado proposto da propiedade nomeada.

ICOMOS agradece a información complementaria detallada proporcionada polo Estado parte sobre o impacto de numerosas presas na paisaxe. Non obstante, quedan preguntas fundamentais sobre como estes elementos que modificaron a paisaxe de ribeira contribúen ou están relacionados coa historia do monacato, a sacralidade da paisaxe ou o uso tradicional da terra; ou a forma en que estes aspectos son comprendidos, percibidos e valorados na actualidade.

Tamén é difícil para ICOMOS entender a continuidade da paisaxe sagrada cando os seus motores clave, as comunidades monásticas, xa non están implicados na configuración desa paisaxe. O expediente de nomeamento ofrece información sobre o declive das comunidades monásticas en toda a Ribeira Sacra tras a desamortización de terras dos mosteiros no século XIX. Só se conservou unha parte da concentración de mosteiros existentes na Idade Media e só unha pequena comunidade monástica cisterciense segue activa. Debido a estas transformacións dos elementos formativos dos vales, é difícil comprender a relación actual dos mosteiros coa paisaxe agrícola que xestionaron unha vez. A despoboación, a modernización e os consecuentes desafíos ao modo de vida tradicional engaden dificultades para demostrar esta relación.

En canto á paisaxe e á forma en que foi moldeada e cultivada polas actividades monásticas durante a Idade Media, ICOMOS observa que é difícil comprender a paisaxe actual tal e como puido ser nese período, xa que se abandonaron as terras agrícolas e os bosques cultivados. e enche de maleza. Isto leva a unha situación na que as conexións visuais entre mosteiros e entre mosteiros e ríos xa non son posibles. A propiedade nomeada queda cunha representación comprometida da paisaxe sacra monástica. ICOMOS considera que este é un importante problema de integridade.

A análise comparativa é unha completa recompilación de máis de cincuenta sitios en todo o mundo. Un número tan grande de propiedades comparables destaca o feito de que as paisaxes agrícolas anexas ás ladeiras, os lugares santos e os monumentos relacionados co evanxelismo non son infrecuentes en Europa ou noutras partes do mundo. ICOMOS sinala que a análise comparativa, aínda que confirma de moitas maneiras as calidades da Ribeira Sacra, deixa aberta a cuestión fundamental de se a propiedade en serie nomeada pode considerarse destacada pola súa combinación de características paisaxísticas ou a súa relación con eventos particulares da historia occidental do monacato.

Pódese considerar que o monacato e o uso asociado da terra configuraron gran parte das paisaxes de Europa. En termos de conxuntos de estruturas monacais, hai un número significativo nesta rexión xeocultural e máis alá.

Parece haber unha tensión inherente entre preservar a sacralidade do territorio e adaptarse ás necesidades contemporáneas das comunidades e das infraestruturas modernas. ICOMOS non está convencido de que os dous se poidan conciliar do xeito suxerido, polo que as presas e outras intervencións similares son vistas como un desenvolvemento lóxico dunha paisaxe tradicional. Tampouco se poden ver estas intervencións como complementarias do que queda dos legados dunha vez poderosas comunidades que noutro tempo residían nos vales.

7. Recomendacións

Recomendacións con respecto á inscrición. ICOMOS recomenda que Ribeira Sacra, España, non se inscriba no Patrimonio Mundial.


 

Pode que che interese...