fbpx
Roteiro dos Muíños de Lugo / foto Concello de Lugo

Así se atopa o roteiro dos Muíños de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Un dos itinerarios rurais máis emblemáticos do municipio e que se atopa nun pésimo estado de conservación debido ao abandono que sofre”. Con estas palabras denunciaba Miguel Fernández, concelleiro de Medio Ambiente de Lugo o estado no que se atopa o tramo que é competencia da Xunta do roteiro dos Muíños da cidade.

Trátase dunha ruta que se desenvolve ó redor do río Mera, afluente do Miño e que discorre perpendicular a este en dirección SO. Un roteiro por unha paisaxe de bosque de ribeira pero que ten ademais un enorme interese no patrimonio etnográfico, pois nel poden atoparse elementos como caneiros, pesqueiras e varios muíños de especial relevancia no abastecemento de fariña na cidade no pasado, como o de Abelleira, Tendeiro ou do Castro.

O concelleiro instou á Xunta de Galicia a intervir canto antes na parte do roteiro peonil que é de titularidade autonómica, para asegurar a súa seguridade. Segundo el neste tramo o traxecto se torna insalvable “debido ao desleixo que afecta a todo o camiño e que chega a comprometer a integridade das persoas usuarias”.

“Non en van son numerosísimas as queixas que a veciñanza leva meses trasladando ás institucións para que se reverta a situación do enclave”, sinalaba o edil. Fernández defendía, pola contra, os traballos de conservación feitos no tramo competencia do Concello e os investimentos nas restantes pasarelas de madeira de competencia local.

Sexa como for, o certo é que se trata dunha ruta dunha enorme riqueza ambiental e tamén patrimonial nunha cidade que ten dende hai xa moito tempo un sinal de identidade na seu entorno natural ó redor do Miño. Dende o Concello, mais dende a cidadanía tamén, demándase “unha contorna atractiva pero tamén segura”.

Roteiro dos Muíños de Lugo / foto Concello de Lugo

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: