fbpx
Desfeitas na Ribeira Sacra / fotos Amigos das Árbores da Limia, Jorge López Quiroga e X.Costa

Estas son últimas desfeitas que poderían facer perigar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

Tempo de lectura: 6 min.

A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial xógase o seu futuro en China no verán deste ano 2021. Pois será nesta data cando esta paisaxe cultural única sexa avaliada polo Comité da UNESCO. Un excepcional entorno ambiental, paisaxístico e histórico sen dúbida merecedor de ser nomeado pola institución, mais que, porén, nos últimos anos está a sufrir importantes desfeitas,

Pois ó mesmo tempo que se está a avanzar na candidatura e ó tempo que se declaraba como Ben de Interese Cultural (BIC) esta paisaxe, a desidia de particulares e varias administracións, pasando pola Deputación e propia Xunta, daban lugar a danos de enorme importancia patrimonial e natural para a zona e que poderían pór en perigo a candidatura.

Ribeira Sacra / foto danirodriguezfotografiaCC0

Polémica por posibles danos no mosteiro de San Pedro de Rocas

Un dos lugares patrimoniais máis singulares polo seu carácter testemuñal, histórico, artístico e paisaxístico é o mosteiro rupestre de San Pedro de Rocas. Escavado na rocha, con máis de mil anos de antigüidade e nacido dun antigo cenobio, ou lugar no que vivían en comunidade uns poucos ermitáns, San Pedro de Rocas sufriu, segundo denunciaron varios expertos, ó longo do 2020 un dobre atentado.

Por unha parte, tal e como denunciaba o propietario dos terreos polos nos que se atopa o mosteiro, unha corta proxectada de árbores na estrada que accede ó lugar causando un gran estrago na paisaxe. O motivo sería a obra de ampliación dos accesos ó mosteiro proxectada pola propia Xunta e a Deputación de Ourense.

Mosteiro rupestre de San Pedro de Rocas / foto Jose Luis Cernadas Iglesias CCBy Wikimedia

A este futuro atentado habería que engadir outro presunto atentado de moito maior calado. Pois neste 2020 dous expertos de CSIC denunciában tamén os danos irreversibles producidos por un “lavado salvaxe da rocha” propiciado pola Xunta con métodos prohibidos en restauración. Neles teríase causado danos irreparables a elementos patrimoniais de incalculable valor, tal e como denunciaban os propietarios e varios investigadores, aínda que dende a Xunta defendéndíanse as garantías da intervención.

Detalles da desfeita en San Pedro de Rocas / foto Jorge López Quiroga

A corta de centos de árbores autóctonas e centenarias por unha parcelaria

Esta foi a última desfeita que chegou a nosa redacción documentada e denunciada polas Amigas das Árbores da Limia. Unha intervención para unha concentración parcelaria promovida pola propia Xunta de Galicia e financiada pola Unión Europea con fondos do programa FEADER. A intervención levouse por diante centos de árbores autóctonas, moitas delas centenarias, facendo tabula rasa no lugar.

A desfeita tivo lugar concello de Castro Caldelas, na Ribeira Sacra Ourensá. Paradoxalmente chegaba tan só seis meses despois Consellería de Medio Ambiente, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e un total de 21 Concellos da zona, asinaran e promocionaran un Pacto pola Paisaxe, cun orzamento de 550.000 euros.

Corta de árbores centenarias na na Ribeira Sacra / foto Amigas das Árbores da Limia

O proxecto de instalación dunha tirolina sobre o canón

Entre os miradoiros do Duque en Monforte e Matacás en Castro Caldelas. Entre eles as deputacións de Lugo e Ourense proxectaron a finais do ano 2018 unha tirolina que cruzaría un dos recunchos máis virxes dos canóns. O elemento de carácter turístico asentaríase nun lugar de especial interese tanto de fauna como de flora autóctonas.

O artiluxio instalaríase nun lugar especialmente sensible, como denunciaban diversas asociacións ecoloxistas como Verdegaia ou Asociación Galega de Ornitoloxía, no que se atopan especies ameazadas. A zona “está incluída nas áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local das especies de aves incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas”, afirmaban. “É lamentable o trato outorgado polas nosas autoridades aos espazos de patrimonio natural deste país”.

Diferentes cortas indiscriminadas de fragas autóctonas

Mais a de Castro Caldelas non foi, nin moito menos, a única corta indiscriminada de bosque autóctono na Ribeira Sacra, un feito que se repite con demasiada frecuencia. Unha das máis graves foi a finais do pasado mes de febreiro cando o PSdeG-PSOE e Unidas Podemos rexistraron senllas iniciativas no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados, respectivamente, para pedir “explicacións” á Xunta ante a “corta indiscriminada e total” de árbores en Parada de Sil.

Detalle da Ribeira Sacra no verán de 2017 / foto HdG

Trataríase de máis de 25.000 metros de bosque, tal e como recollía o xornal Galicia Confidencial, nun espazo que “debería gozar do máximo grao de protección”, como denunciaba na Cámara galega, Pablo Arangüena do PSdG. Nela perdeuse unha enorme extensión de fraga autóctona con carballos, castiñeiros e bidueiros, algúns deles “con máis de 300 anos de vida”, como tamén denunciaba Antón Gómez-Reino.

A corta do bosque centenario no mosteiro de Ribas de Sil

Entre estas cortas destacou, non tanto pola súa extensión senón por estar no mesmo centro patrimonial e turístico da zona, unha corta ó mesmo pé do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Trátase dun dos mosteiros máis importantes da Ribeira Sacra, Ben de Interese Cultural, que hoxe é Parador Nacional.

Carballos centenarios xa cortados / foto X. Costa

En marzo de 2019 denunciouse a corta dunha carballeira que pertencía ó mosteiro, no lugar coñecido como Tapada dos Frades no concello de Nogueira de Ramuín. Trátase dunha carballeira centenaria, con carballos de enorme porte. A corta provocou ademais o derrube de parte dos muros dos eidos que forón propiedade do mosteiro.

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil / ribeirasacra.com

A denuncia dunha posible venta por pedras dun convento

Entre as diferentes desfeitas na zona chegabase mesmo a denunciar a venta por pedras dun convento no portal Milanuncios, nunha zona que precisamente ten o seu sinal de identidade no patrimonio monacal. Acontecía en agosto de 2019 tratándose do convento de San Salvador de Asma en Chantada. Neste caso foi a asociación O Sorriso de Daniel o que facía saltar todas as alarmas.

“Véndese mosteiro do século X cunha propiedade de 5 hectáreas ó seu redor. Mosteiro con moito valor patrimonial xa que ten uns 1.000 anos de antigüidade”. Porén, non foi este o anuncio que xerou a polémica senón outro publicado co mesmo teléfono no que se facía referencia á venta de pedra que, segundo denunciaba, podería corresponderse con elementos que poderían ser do propio mosteiro, tal e como denunciaban dende a asociación.

Mosteiro de San Salvador de Asma na web de Milanuncios

Unha ameza histórica, os encoros

Aínda que na actualidade son un dos atractivos turísticos da zona, pola súa navegación e pola icónica imaxe, o certo é que os encoros foron de sempre un trastorno tanto para a os hábitats como para o patrimonio etnográfico da zona. Non só no momento da súa propia construción senón tamén na xestión e ampliación dalgunha das centrais.

Así foi no ano 2010 a primeira gran ameaza a unha candidatura a Patrimonio Mundial que xa estaba sobre a mesa. Varios colectivos denunciaban como Hiberdrola deixaba case seco o Sil por mor das obras de construción dunha nova central complementaria a de Santo Estevo I, nun Lugar de Interese Comunitario (LIC) e Rede Natura. Esta primeira gran ameaza a declaración deixaba claro que a xestión dos encoros podería continuar a ser no futuro un problema se non se limita polas administracións.

Ribeira Sacra / titosoftCC0

As sombras da declaración, a A-76 e outras ameazas

Neste caso nin a propia declaración de BIC quedou fora da polémica. Pois no ano 2019 coa propia declaración como Ben de Interese Cultural da paisaxe histórica chegou un aluvión de críticas. Foi tanto pola afectación a particulares, como é habitual pola súa escala, como un enorme número de alegacións de asociacións culturais e grupos políticos, por unha mala catalogación ou por deixar fora elementos esenciais.

Denunciábase que non se tivera consideración na declaración de numerosos elementos do Patrimonio de enorme interese, como patrimonio medieval, restos etnográficos ou arqueolóxicos. Algúns exemplos tan notables como a cova rupestre do Cotillón en Ferreira de Pantón ou os viñedos históricos do Cabe e do canón do Bibei.

Tal e como denunciaban asociacións e grupos políticos o proceso de declaración completouse o Decreto 166/2018, do 27 de decembro sen ter en conta a maioría das alegacións. Tamén se criticaba que non se realiza unha análise sobre o trazado da A-76 e a súa afectación patrimonial e paisaxística ou non se teñan establecido restricións para as infraestruturas de produción enerxética.

Pode que che interese...